Sunday 05 de May de 2024

Museo do Gravado de Artes e concello portugués da Guarda unen lazos coa firma dun convenio e unha exposición


A sinatura do acordo e a inauguración terán lugar este venres

O Concello de Riveira informa de que este venres 17 de febreiro no Museo do Gravado de Artes se vai celebrar un dobre evento no que esta institución vai rubricar os seus lazos de colaboración co concello portugués de A Guarda a través da sinatura do convenio e da inauguración da exposición cedida polo Museu da Guarda A serigrafia digital. I Simposio de Arte Contemporânea Cidade da Guarda.

A sinatura do convenio será no Salón de Actos do museo ás 13.00 horas. Desprázanse dende A Guarda o Vicepresidente (Tenente de Alcalde con delegación de sinatura) Carlos Monteiro, o Director do Museu da Guarda, João Mendes Rosa, e o catedrático de Gravado e profesor, D. José Fuentes Esteve, que foi quen dirixiu o I Simposio de Arte Contemporânea Cidade da Guarda.

A continuación inaugurarase a exposición A serigrafia digital. I Simposio de Arte Contemporânea Cidade da Guarda que ocupará a Sala 1 do Museo.
A exposición está composta por 46 gravados realizados a partir de imaxes recolleitas por cada un dos artistas na propia cidade da Guarda. Esta exposición é froito do Curso de Serigrafía Dixital do Instituto Universitario de Investigación en Arte e Tecnoloxía da Universidade de Salamanca, incluído na programación do A serigrafia digital. I Simposio de Arte Contemporânea Cidade da Guarda.
O curso, concibido e dirixido polo catedrático de Gravado José Fuentes Esteve, coadxuvado polos profesores Carlos Pérez e Antonio Navarro deu froito a esta colección itinerante polos espacios expositivos da Península Ibérica e que serve para enriquecer os fondos do Museu da Guarda dada a calidade e notoriedade dos autores das presentes obras nunha óptica de abordaxe gráfica absolutamente pioneira.